A Vila, Fisterra

    O seu nome procede do latín finis terrae, fin da terra; e punto final tamén do Camiño de Santiago. A singularidade xeográfica de Fisterra cativou dende a antigüidade a multitude de persoas ansiosas por se achegar ó fin do mundo, onde a terra acaba e o mar comeza; como así o creron as lexións romanas ó contemplar o afundimento do sol nas súas augas.

    A singularidade de Fisterra xurde das moitas lendas que envolven a estas terras, nas que se entretecen temas relixiosos, marítimos e elementos pétreos. Entre elas destacan a da Arasolis, ermida de San Guillerme, Orca Vella, Pedras Santas, Santo Cristo de Fisterra e a Cidade de Dugium entre outras. Grazas á memoria das xentes deste lugar, estas lendas seguen vivas e cativan como as marabillosas vistas que Fisterra posúe, a todo o que se asoma a visitar o Cabo do Mundo.

    A vila de Fisterra está formada por un núcleo antigo crecido en anfiteatro sobre o porto. As súas casas e estreitas rúas son dun grande tipismo e orixinalidade. No centro se atopa a Praza de Arasolis, nos arredores, de camiño ó faro, atopamos o monumento máis interesante da vila: a Igrexa de Santa María das Areas e dentro do conxunto histórico da vila destaca tamén o Castelo de San Carlos.

    panoramica

    O seu porto é o maior lugar de actividade da vila e a súa lonxa a primeira turística de Galicia. A frota está formada por pequenos barcos de baixura que usan diversas artes de pesca como o palangre, as nasas, as vetas, etc. A calquera hora do día que paseemos polo porto, atoparemos mariñeiros que van ou veñen de traballar, reparando as súas redes ou na lonxa subastando o peixe. O sector pesqueiro é un dos máis tradicionais da vila. A boa calidade do peixe e o marisco que hai nesta zona fai que os productos teñan unha grande demanda no mercado interno e de fora do país.

    Fisterra é un extraordinario enclave para a observación do paso migratorio de multitude de aves mariñas que ademais buscan refuxio e repouso nos areais e enseadas lacustres entre as praias de Rostro e Lagosteira. Os illotes rochosos como os das Illas Lobeiras albergan unha importante colonia de gaivota arxéntea, sombría, e patiamarela; así como corvos mariños.

    Coordenadas Fisterra:
    42.911429, -9.264565
    +42° 54′ 41.14″, -9° 15′ 52.43

    FacebookGoogle+PinterestWhatsApp